sábado, 6 de junio de 2009

Probas finais do Analizador Espectral

Despois de varios días de duro traballo conxunto, os catro membros do grupo de traballo do Analizador Espectral estamos orgullosos de anunciar o éxito rotundo do proxecto!!
A semana do 18 de maio finalizamos o desenvolvemento e comprobación por separado de tódolos elementos do Analizador Espectral: todo estaba a punto para o comezo das probas sobre hardware real.
O primeiro revés chegou o luns 25 de maio, día no que comezamos co proceso de composición do deseño completo. As tarefas de conectrónica e interconexión de interfaces, o que provoca máis do 90% de fallos nos sistemas dixitais complexos, foi un pouco máis arduo do que pensabamos, pero decidimos sacrificar un dos catro últimos días do prazo de probas en aras de conseguir un deseño máis modular e ben xerarquizado. Logo de horas extra de traballo fóra do laboratorio, conseguimos implementar tódolos compoñentes en conxunto máis os dispositivos adicionais necesarios para a implementación sobre a FPGA Virtex2 Pro.
O martes día 26 de maio foi un día de tensión: a primeira proba na FPGA fracasou, debido presumibelmente a algún fallo na circuitería de toma de datos e carga de mostras no Módulo FFT, no que un servidor estaba implicado. Tras unhas poucas correccións, conseguimos nese mesmo día que o Analizador dese sinais de vida: obtivemos un esperanzador espectro de ruido branco. Dado que introduciamos un tono de proba como entrada, este resultado significaba que había algún problema no controlador do circuito AC97 LM4550.
O mércores 27 de maio adicamos moitas horas de traballo adicionais para a revisión exhaustiva do controlador AC97, o único circuito que por desgracia non pudo ser probado de antemán e por separado sobre hardware real. Finalmente, o proceso de análise culminou no redeseño case completo do circuito, conseguindo que se axustase estrictamente ó protocolo describido nas follas de características do circuito LM4550.
Por fin, o xoves 28 de maio tódalas diminutas e delicadas pezas do rompecabezas encaixaron exactamente no seu lugar cun pequeno e suave 'tlick'. Tra-la primeira implementación do analizador espectral, e ó terceiro intento, case coma unha divinidade o deseño cobrou vida. Case non o criamos, pero si, logo de dous meses de traballo conseguimos tódolos obxectivos de deseño que nos marcamos a mediados de cuadrimestre, tan lonxanos naquel momento. O analizador amosaba un colorido espectro psicodélico do sinal que rexistraba o micro, calculando unhas trinta DFT's por segundo e representándoas no monitor VGA.
Os catro membros do grupo de traballo do Analizador Espectral, Alex, Sara, Adrián e Pablo, agradecemos de corazón a vosa visita a este blog e o voso interese no noso proxecto. Despedímonos de todos vós e do Laboratorio de Sistemas Dixitais Programábeis 2 cos videos que gravamos do Analizador en acción. Esperamos que disfrutedes con eles. Unha aperta!!

http://www.youtube.com/watch?v=bgASkkIVdCE



http://www.youtube.com/watch?v=lzu2wjqk8do


http://www.youtube.com/watch?v=_gKzpFo_3D0

Para máis información do proxecto:

http://www.dte.uvigo.es/logica_programable/

"A principal motivación e a verdadeira recompensa dun enxeñeiro é a sensación maravillosa que se sinte ao ve-lo froito dun gran esforzo conxunto." Anónimo.